As boas noticias segundo Xoán 10:1-42
10 “De verdade vos aseguro que o que entra no cercado* das ovellas saltando por riba do muro, en vez de entrar pola porta, é un ladrón.
2 Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas.
3 O garda da porta ábrelle ó pastor, e as ovellas escoitan a voz do pastor. O pastor chama as súas ovellas polo seu nome e lévaas para fóra.
4 Cando as saca todas, vai diante delas. E as ovellas ségueno porque coñecen a súa voz.
5 Pero nunca seguirán un estraño. Escaparán del porque non coñecen a voz dos estraños”.
6 Xesús púxolles esta comparación, pero eles non entenderon o que lles estaba dicindo.
7 Entón Xesús volveulles a dicir: “De verdade vos aseguro que eu son a porta para que pasen as ovellas.
8 Tódolos que viñeron facéndose pasar por min son uns ladróns, e as ovellas non os escoitaron.
9 Eu son a porta, e o que entre por min salvarase. Poderá entrar e saír, e encontrará lugares onde pastar.
10 O ladrón só vén para roubar, matar e destruír. Eu vin para que as ovellas poidan ter vida e poidan seguir vivindo*.
11 Eu son o pastor excelente, e o pastor excelente dá a súa vida* polas ovellas.
12 O traballador* contratado para mirar polas ovellas, que non é nin pastor nin dono das ovellas, abandónaas e escapa cando ve vir o lobo. Entón o lobo atácaas e fai que se dispersen.
13 Como é un traballador que só traballa polos cartos, non lle importan as ovellas.
14 Eu son o pastor excelente. Coñezo as miñas ovellas e as miñas ovellas coñécenme a min,
15 igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai. Eu dou a miña vida* polas ovellas.
16 ”E teño outras ovellas que non son deste rabaño*. A esas tamén as teño que traer e elas escoitarán a miña voz. Chegarán a ser un só rabaño cun só pastor.
17 O Pai quéreme porque dou a miña vida para despois volver a recibila.
18 Ninguén ma quita, eu douna voluntariamente. Teño autoridade para dala e para volver a recibila. Isto é o que me mandou facer meu Pai*”.
19 Estas palabras volveron a provocar que os xudeus non se puxesen de acordo.
20 Moitos deles dicían: “Ten un demo dentro e toleou. Por que o escoitades?”.
21 E outros dicían: “Alguén que ten un demo dentro non diría estas cousas. Un demo non pode facer que os cegos volvan a ver, non?”.
22 Por aquel tempo estábase celebrando a Festa da Dedicación en Xerusalén. Era inverno,
23 e Xesús estaba no templo camiñando polo Pórtico de Salomón*.
24 Entón os xudeus rodeárono e empezaron a dicirlle: “Canto tempo nos vas ter coa intriga? Se ti es o Cristo, dínolo claramente”.
25 Xesús contestoulles: “Xa volo dixen, pero aínda así non o credes. As cousas que fago no nome do meu Pai testifican ó meu favor.
26 Pero vós non credes porque non sodes as miñas ovellas.
27 As miñas ovellas escoitan a miña voz. Eu coñézoas e elas séguenme.
28 Eu doulles vida eterna. Nunca van ser destruídas e ninguén mas quitará das mans.
29 O que me entregou meu Pai vale máis que todo o demais, e ninguén pode quitar as ovellas das mans do Pai.
30 Eu e o Pai somos un*”.
31 Entón os xudeus volveron a coller pedras para matalo a pedradas.
32 Xesús díxolles: “Fixen diante de vós moitas cousas boas que veñen do Pai. Por cal delas me queredes matar a pedradas?”.
33 Os xudeus contestáronlle: “Non te imos matar a pedradas por facer ningunha cousa boa, senón por blasfemar. Porque aínda que es un home, andas dicindo que es un deus”.
34 Xesús contestoulles: “E logo non está escrito na vosa Lei ‘Deus dixo: “Vós sodes deuses*”’?
35 Se Deus chamou deuses a eses que se condena na súa palabra (e as Escrituras non se poden anular),
36 por que me acusades de blasfemia a min por dicir ‘Son Fillo de Deus’, se foi o Pai quen me santificou e enviou ó mundo?
37 Se non fago o que meu Pai quere que faga, non me creades.
38 Pero se o fago, aínda que non me creades a min, polo menos crede polas cousas que fago. Así saberedes e nunca deixaredes de saber que o Pai está unido a min e eu estou unido ó Pai”.
39 Entón intentaron agarralo outra vez para arrestalo, pero el escapou sen que o collesen.
40 Xesús volveu marchar para o outro lado do Xordán, para o sitio onde Xoán bautizaba ó principio, e quedou alí.
41 Moitas persoas foron a velo e empezaron a dicir: “Xoán non fixo nin un só milagre*, pero todo o que dixo deste home era certo”.
42 E moitos alí empezaron a ter fe en Xesús.
Notas ó pé
^ Terreo rodeado por unha cerca, valado ou muro onde os pastores gardaban as ovellas.
^ Lit. “e a teñan en abundancia”.
^ Ou “xornaleiro”.
^ Ou “cercado”, é dicir, o lugar onde se gardan as ovellas.
^ Lit. “Este é o mandamento que recibín do meu Pai”.
^ Ou “estamos unidos”.
^ Ou “seres divinos”, é dicir, xuíces humanos de Israel que servían de representantes e portavoces de Deus.
^ Lit. “sinal”.