As boas noticias segundo Xoán 20:1-31
20 O primeiro día da semana*, María Madalena foi á tumba* cedo, mentres aínda estaba escuro, e viu que quitaran a pedra que tapaba a entrada da tumba.
2 Así que, foi correndo a ver a Simón Pedro e o outro discípulo, ese ó que Xesús quería moito, e díxolles: “O Señor non está na tumba! Levaron o seu corpo e non sabemos onde o puxeron!”.
3 Entón Pedro e o outro discípulo saíron cara á tumba.
4 Botaron a correr os dous xuntos, pero o outro discípulo correu máis rápido que Pedro e chegou antes á tumba.
5 Cando se agachou para mirar dentro, viu que estaban alí as teas de liño, pero non entrou.
6 Despois tamén chegou Simón Pedro, que viña detrás del, e entrou na tumba. E viu alí as teas de liño.
7 A tea coa que lle taparan a cabeza a Xesús non estaba coas outras teas. Estaba colocada en forma de rolo noutro sitio.
8 Entón o outro discípulo, o que chegara primeiro, tamén entrou na tumba, e viu e creu.
9 Pero aínda non entendían a parte das Escrituras que dicía que tiña que resucitar* de entre os mortos.
10 Así que os discípulos volveron para as súas casas.
11 Pero María quedou de pé alí fóra, chorando ó lado da tumba. Mentres choraba, agachouse para mirar dentro da tumba
12 e viu dous anxos vestidos de branco sentados onde antes estaba o corpo de Xesús, un na zona da cabeza e outro na dos pés.
13 Eles preguntáronlle: “Muller, por que choras?”. E ela contestoulles: “Porque levaron o meu Señor e non sei onde o puxeron”.
14 Despois de dicir isto, xirouse e viu a Xesús alí de pé, pero non se deu conta de que era el.
15 Xesús preguntoulle: “Muller, por que choras? A quen buscas?”. Ela pensou que era o xardineiro, e díxolle: “Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches e eu levareino comigo”.
16 Xesús díxolle: “María!”. Ela xirouse e contestoulle en hebreo: “Raboni!” (que significa “mestre”).
17 E Xesús díxolle: “Deixa de agarrarte a min, que aínda non subín onda o Pai. Vai a onde están os meus irmáns e dilles: ‘Vou subir onda o meu Pai, que tamén é o voso Pai, e onda o meu Deus, que tamén é o voso Deus’”.
18 María Madalena foi a ver os discípulos e deulles a noticia: “Vin o Señor!”. E contoulles o que el lle dixera.
19 Á última hora daquel día, que era o primeiro día da semana, os discípulos estaban reunidos e pecharan con chave as portas do sitio no que estaban porque lles tiñan medo ós xudeus. Entón Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”.
20 Despois de dicir iso, ensinoulles as mans e o costado, e os discípulos alegráronse moito ó ver o Señor.
21 Xesús volveulles a dicir: “Que teñades paz. Igual que o Pai me enviou a min, eu tamén vos envío a vós”.
22 Despois de dicir isto, soprou sobre eles e díxolles: “Recibide espírito santo.
23 Se lle perdoades os pecados a alguén, quédanlle perdoados. Se non llos perdoades, non lle quedan perdoados”.
24 Pero Tomás, un dos Doce, ó que lle chamaban o Xemelgo, non estaba con eles cando apareceu Xesús.
25 Por iso os outros discípulos lle dicían: “Vimos o Señor!”. Pero el díxolles: “Se non vexo a marca dos cravos nas súas mans, e non meto o meu dedo no burato dos cravos e a miña man no seu costado, non o vou crer nunca”.
26 Oito días despois, os discípulos estaban outra vez reunidos na casa, e Tomás estaba con eles. Aínda que as portas estaban pechadas con chave, Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”.
27 Despois díxolle a Tomás: “Toca co teu dedo aquí. Mira as miñas mans e mete a túa man no meu costado. Deixa de ter dúbidas e cre”.
28 Entón Tomás díxolle: “Meu Señor e meu Deus!”.
29 E Xesús díxolle: “Criches porque me viches? Felices os que non viron e aínda así cren”.
30 De feito, Xesús tamén fixo diante dos discípulos moitos outros milagres* que non están escritos neste rolo.
31 Pero estes escribíronse para que creades que Xesús é o Cristo, o Fillo de Deus, e para que ó crer poidades ter vida por medio do seu nome.