Feitos dos Apóstolos 14:1-28

  • Aumento e oposición en Iconio (1-7)

  • Confunden os apóstolos con deuses en Listra (8-18)

  • Tíranlle pedras a Paulo pero sobrevive (19, 20)

  • Paulo e Bernabé fortalecen as congregacións (21-23)

  • Volven a Antioquía de Siria (24-28)

14  En Iconio, entraron xuntos na sinagoga dos xudeus e falaron de tal maneira que se fixeron crentes moitísimos xudeus e gregos. 2  Pero os xudeus que non creron revolucionaron a xente das nacións e puxéronos en contra dos irmáns. 3  Así que pasaron bastante tempo falando con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová*​. El permitíalles facer milagres e cousas impresionantes, e así confirmaba a* mensaxe da súa bondade inmerecida. 4  Pero a xente da cidade dividiuse: uns estaban a favor dos xudeus e outros a favor dos apóstolos. 5  Entón, a xente das nacións tramou un plan cos xudeus e cos seus gobernantes para maltratar a Paulo e Bernabé e matalos a pedradas. 6  Pero cando eles o souberon, escaparon a Listra e a Derbe (que son cidades de Licaonia) e ós seus arredores. 7  E alí seguiron predicando as boas noticias. 8  En Listra había un home sentado que nacera impedido dos pés e nunca puidera camiñar. 9  El estaba escoitando falar a Paulo. Entón Paulo mirouno fixamente e, como viu que tiña fe e cría que podía ser curado, 10  díxolle con voz forte: “Ponte de pé!”. E o home levantouse dun salto e empezou a andar. 11  Cando as multitudes viron o que Paulo fixera, gritaron no seu idioma*​: “Os deuses baixaron onda nós en forma humana!”. 12  Así que empezaron a chamarlle Zeus a Bernabé e Hermes a Paulo, porque el era o que falaba a maioría das veces. 13  O templo de Zeus estaba na entrada da cidade. Entón o sacerdote dese templo trouxo coroas de flores e touros ata as portas da cidade porque quería facerlles sacrificios xunto coa xente. 14  Pero cando os apóstolos Bernabé e Paulo oíron iso, racharon a súa roupa, metéronse correndo entre a xente e berraron: 15  “Por que facedes isto? Nós tamén somos humanos e temos as mesmas debilidades ca vós. Estámosvos predicando as boas noticias para que deixedes de adorar estas cousas inútiles e adoredes o Deus vivo, o que fixo o ceo, a terra, o mar e tódalas cousas que hai neles. 16  No pasado, el permitiu que cada nación fixese o que quería, 17  pero non deixou de demostrar quen era* facendo cousas boas. Deulles chuvias do ceo, colleitas abundantes, suficiente comida e encheu os seus corazóns de alegría”. 18  E aínda que lles dixeron todo isto, Paulo e Bernabé case non conseguen impedir que a xente lles fixese sacrificios. 19  Entón chegaron uns xudeus de Antioquía e de Iconio e convenceron as multitudes para que fosen en contra de Paulo. Así que se puxeron a tirarlle pedras e arrastrárono fóra da cidade pensando que estaba morto. 20  Pero cando os discípulos se xuntaron arredor del, levantouse e entrou na cidade. Ó día seguinte, marchou con Bernabé para Derbe. 21  Despois de predicar as boas noticias naquela cidade e de facer moitos discípulos, volveron a Listra, Iconio e Antioquía. 22  Alí fortaleceron os discípulos e animáronos a manterse na fe, dicíndolles: “Temos que pasar por moitas dificultades antes de entrar no Reino de Deus”. 23  Ademais, nomearon anciáns en cada congregación, orando e facendo xaxún*​, e deixáronos nas mans de Xehová*​, en quen chegaran a crer. 24  Entón cruzaron Pisidia e entraron en Panfilia 25  e, despois de predicar a palabra de Deus en Perga, baixaron a Atalia. 26  Desde alí, embarcaron para Antioquía. Os irmáns de Antioquía pedíranlle a Deus que coidase a Paulo e Bernabé e lles demostrase a súa bondade inmerecida para que puidesen facer a obra que acababan de completar. 27  Cando chegaron e xuntaron os irmáns da congregación, contáronlles tódalas cousas que Deus fixera mediante eles. Tamén lles contaron que el abrira o camiño para que os que non eran xudeus puidesen crer nel*​. 28  Así que quedaron bastante tempo cos discípulos.

Notas ó pé

Lit. “daba testemuño da”.
Ou “no idioma que falaba a xente que vivía en Licaonia”.
Ou “de dar testemuño de si mesmo”.
Lit. “que el lles abrira ás nacións a porta da fe”.