Feitos dos Apóstolos 25:1-27

  • O xuízo de Paulo ante Festo (1-12)

    • “Apelo a César!” (11)

  • Festo preséntalle o caso ó rei Agripa (13-22)

  • Levan a Paulo diante de Agripa (23-27)

25  Tres días despois de chegar á provincia de Xudea e de ocupar o seu posto como gobernador, Festo subiu de Cesarea a Xerusalén. 2  Entón, os sacerdotes principais e os xudeus máis importantes presentaron diante del as súas acusacións contra Paulo. E puxéronse a suplicarlle 3  que lles fixese o favor de mandar que o trouxesen a Xerusalén. Mentres tanto, estaban planeando unha emboscada para matar a Paulo polo camiño. 4  Pero Festo respondeulles que Paulo tiña que quedar preso en Cesarea e que el mesmo estaba a punto de volver para alí. 5  E ademais dixo: “Aqueles de vós que teñades autoridade vinde comigo e presentade as vosas acusacións contra el, se é que de verdade este home fixo algo malo”. 6  Cando levaba uns oito ou dez días con eles, baixou a Cesarea. Ó día seguinte sentouse no tribunal e mandou que lle trouxesen a Paulo. 7  Ó entrar Paulo, os xudeus que baixaran de Xerusalén rodeárono e empezaron a presentar contra el moitas acusacións graves que non podían demostrar. 8  Pero Paulo defendeuse e dixo: “Non cometín ningún pecado nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o templo, nin contra César”. 9  Como Festo quería quedar ben cos xudeus, contestoulle a Paulo: “Queres subir a Xerusalén para ser xulgado alí diante de min por estas cousas?”. 10  Pero Paulo díxolle: “Estou diante do tribunal de César e aquí é onde debo ser xulgado. Non fixen nada malo contra os xudeus, como ti mesmo podes ver. 11  Se de verdade son un delincuente e fixen algo polo que mereza morrer, non suplico que se me libre diso. Pero se as acusacións que fixeron estes homes contra min non teñen ningunha base, ninguén ten o dereito de entregarme a eles para facerlles un favor. Apelo a César!”. 12  Despois de falar co seu grupo de conselleiros, Festo respondeulle: “Apelaches a César, así que a César irás”. 13  Uns días despois, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea para facerlle unha visita de cortesía a Festo. 14  Como quedaron alí algúns días, Festo presentoulle ó rei o caso de Paulo. Díxolle: “Teño aquí un home ó que Félix deixou preso. 15  Cando estiven en Xerusalén, os sacerdotes principais e os anciáns dos xudeus presentáronme as acusacións que tiñan contra el e pedíronme que o condenase. 16  Pero eu respondinlles que, segundo a lei romana, non se pode entregar un acusado a ninguén, aínda que sexa por facer un favor, sen antes darlle a oportunidade de defenderse dos cargos diante dos que o acusan. 17  Por iso, en canto chegaron aquí non perdín o tempo e, ó día seguinte, senteime no tribunal e mandei que me trouxesen ese home. 18  Entón, os que o acusaban puxéronse de pé, pero resulta que non o acusaron de ningún dos delitos que eu esperaba. 19  Simplemente non se poñían de acordo sobre algunhas cousas relacionadas coa súa relixión e sobre un tal Xesús, que morreu pero que Paulo aseguraba que estaba vivo. 20  Como eu non sabía como resolver este asunto, pregunteille se quería ir a Xerusalén para ser xulgado alí por estas cousas. 21  Pero como apelou e pediu quedar baixo custodia á espera da decisión de Augusto*​, mandei que o deixasen preso ata envialo a César”. 22  Entón Agripa díxolle a Festo: “A min tamén me gustaría escoitar o que di ese home”. Festo contestoulle: “Mañá escoitaralo”. 23  Ó día seguinte, chegaron Agripa e Berenice chamando moito a atención e entraron na sala de audiencias acompañados por comandantes militares e os homes importantes da cidade. Entón Festo deu a orde, e trouxeron a Paulo. 24  Despois dixo: “Rei Agripa e tódolos que estades aquí presentes con nós, mirade para este home. Tanto en Xerusalén como aquí, tódolos xudeus pediron a berros que non siga vivindo. 25  Pero eu deime conta de que non fixera nada polo que merecese morrer. Así que, cando apelou a Augusto, decidín mandalo onda el. 26  Pero non teño nada concreto que escribirlle ó meu Señor* sobre este home. Por iso o presento diante de vós e sobre todo diante de ti, rei Agripa, para que teña algo que escribirlle despois de interrogalo. 27  Porque non me parece lóxico enviar un preso sen indicar os cargos que hai contra el”.

Notas ó pé

Este é un dos títulos do emperador romano.
Aquí a expresión “Señor” refírese ó emperador romano.