Feitos dos Apóstolos 9:1-43

  • Saulo vai de camiño a Damasco (1-9)

  • Xesús manda a Ananías para que axude a Saulo (10-19a)

  • Saulo predica acerca de Xesús en Damasco (19b-25)

  • Saulo visita Xerusalén (26-31)

  • Pedro cura a Eneas (32-35)

  • Unha muller xenerosa chamada Dorcas é resucitada (36-43)

9  Pero Saulo seguía ameazando os discípulos do Señor e quería matalos. Así que foi onda o sumo sacerdote 2  e pediulle que escribise cartas para presentalas nas sinagogas de Damasco e así poder traer atado a Xerusalén a calquera membro do Camiño* que encontrase, fose home ou muller. 3  Cando ía de camiño e estaba chegando a Damasco, de repente unha luz do ceo empezou a brillar arredor del. 4  Entón caeu ó chan e escoitou unha voz que lle dicía: “Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo?”. 5  El preguntou: “Señor, ti quen es?”. E a voz respondeulle: “Son Xesús, a quen estás perseguindo. 6  Levántate e vai á cidade. Alí diranche o que tes que facer”. 7  Os homes que ían con el quedaron tan impresionados que non foron capaces de dicir nada, porque oían unha voz pero non vían a ninguén. 8  Saulo levantouse do chan e, aínda que tiña os ollos abertos, non podía ver nada. Así que o levaron da man ata Damasco. 9  E durante tres días non puido ver nada nin tampouco comeu nin bebeu. 10  En Damasco había un discípulo que se chamaba Ananías. O Señor díxolle nunha visión: “Ananías!”. El respondeulle: “Aquí estou, Señor”. 11  O Señor díxolle: “Levántate, vai á rúa que se chama Recta e busca na casa de Xudas a un home de Tarso que se chama Saulo e que está orando agora mesmo. 12  Nunha visión viu que un home que se chama Ananías entraba e poñía as mans sobre el para que recuperase a vista”. 13  Pero Ananías contestoulle: “Señor, oín falar a moitos deste home e de todo o dano que lles fixo ós teus discípulos* en Xerusalén. 14  E aquí os sacerdotes principais déronlle autoridade para arrestar* a tódolos que confían no teu nome*”. 15  Pero o Señor díxolle: “Vai, porque eu escollín este home* para levarlles o meu nome ás nacións e tamén a reis e ós fillos de Israel. 16  E eu mostrareille claramente todo o que terá que sufrir por anunciar o meu nome”. 17  Así que Ananías foi, entrou na casa, puxo as mans sobre el e díxolle: “Saulo, irmán, o Señor Xesús que se che apareceu cando viñas de camiño envioume para que recuperes a vista e quedes cheo de espírito santo”. 18  Inmediatamente, caéronlle dos ollos algo parecido a escamas e recuperou a vista. Entón levantouse e foi bautizado. 19  Despois comeu algo e recuperou as forzas. Pasou uns días cos discípulos que había en Damasco 20  e enseguida se puxo a predicar acerca de Xesús nas sinagogas, dicindo que Xesús é o Fillo de Deus. 21  Pero tódolos que o escoitaban quedaban sorprendidos e dicían: “Non é este o home que perseguía con moita crueldade en Xerusalén a tódolos que confían no nome de Xesús? Non viñera aquí para arrestalos e levalos diante dos sacerdotes principais?”. 22  Pero Saulo predicaba cada vez con máis habilidade e deixaba pasmados os xudeus que vivían en Damasco, porque lles demostraba de forma lóxica que Xesús é o Cristo. 23  Despois dalgún tempo, os xudeus planearon matalo. 24  Pero Saulo soubo o que querían facerlle. Así que, como vixiaban as portas día e noite para matalo, 25  unha noite os seus discípulos collérono, sacárono por unha ventá da muralla e baixárono nun cesto. 26  Cando chegou a Xerusalén intentou unirse ós discípulos, pero todos lle tiñan medo porque non crían que fose discípulo de Xesús. 27  Así que Bernabé foi a axudarlle e levouno onda os apóstolos. Despois, contoulles con moitos detalles que Saulo vira o Señor no camiño, que o Señor lle falara e que Saulo predicara con valentía en Damasco no nome de Xesús. 28  Entón Saulo quedou alí con eles. Podía moverse con liberdade por* Xerusalén e predicaba con moito valor no nome do Señor. 29  Falaba e debatía cos xudeus de fala grega, pero eles intentaron matalo varias veces. 30  Cando os irmáns o souberon, levárono a Cesarea e mandárono a Tarso. 31  Entón, tódalas congregacións de Xudea, Galilea e Samaria fortalecéronse e entraron nun período de paz. Ademais, seguiron medrando porque andaban no temor* de Xehová* e no consolo do espírito santo. 32  Como Pedro estaba viaxando por toda a rexión, tamén baixou a visitar os discípulos que vivían en Lida. 33  Alí viu un home que se chamaba Eneas, que era paralítico e levaba oito anos na cama. 34  Pedro díxolle: “Eneas, Xesucristo cúrate. Levántate e fai a túa cama”. E el levantouse inmediatamente. 35  Cando tódolos que vivían en Lida e na chaira de Sarón o viron, fixéronse discípulos do Señor. 36  En Xope había unha discípula que se chamaba Tabita, que en grego se traduce Dorcas*​. Ela facía moitas boas obras e axudaba moito ós necesitados*​. 37  Pero mentres Pedro estaba en Lida, Dorcas enfermou e morreu. Así que lavaron o corpo e puxérono nun cuarto da parte de arriba. 38  Como Lida estaba cerca de Xope, cando os discípulos escoitaron que Pedro estaba nesa cidade, mandaron dous homes para que lle pedisen: “Por favor, ven canto antes”. 39  Entón Pedro levantouse e foi con eles. Cando chegou, levárono ó cuarto da planta de arriba e presentáronse diante del tódalas viúvas chorando e ensinándolle toda a roupa e os mantos que Dorcas fixera cando estaba viva. 40  Entón Pedro mandoulles a todos que saísen, púxose de xeonllos e orou. Despois xirouse cara ó corpo e dixo: “Tabita, levántate!”. Ela abriu os ollos e, en canto viu a Pedro, incorporouse. 41  El deulle a man para axudarlle a levantarse, e despois chamou os discípulos e as viúvas e todos viron que estaba viva. 42  Isto chegou a saberse por todo Xope e moitos creron no Señor. 43  Pedro quedou unha temporada en Xope, na casa dun curtidor que se chamaba Simón.

Notas ó pé

Ver glosario camiño.
Lit. “santos”.
Lit. “atar”.
Ou “invocan o teu nome”.
Ou “este home é un instrumento escollido por min”.
Lit. “entrando e saíndo de”.
Ver glosario temor de Deus.
Ver glosario Xehová.
Tanto o nome grego Dorcas como o nome arameo Tabita significan “gacela”.
Ou “facía moitas dádivas de misericordia”. Ver glosario dádivas de misericordia.