As boas noticias segundo Lucas 22:1-71

  • Os sacerdotes conspiran para matar a Xesús (1-6)

  • Prepárase todo para a última Pascua (7-13)

  • Establécese a Cea do Señor (14-20)

  • “O que me vai traizoar está comigo na mesa” (21-23)

  • Discuten sobre quen é o maior (24-27)

  • Xesús fai un pacto para un Reino (28-30)

  • Xesús predí que Pedro negará coñecelo (31-34)

  • Hai que estar preparados; as dúas espadas (35-38)

  • A oración de Xesús no Monte das Oliveiras (39-46)

  • Arrestan a Xesús (47-53)

  • Pedro nega coñecer a Xesús (54-62)

  • Búrlanse de Xesús (63-65)

  • O Sanedrín xulga a Xesús (66-71)

22  Xa faltaba pouco para a Festa dos Pans Sen Fermento*​, coñecida como a Pascua. 2  Os sacerdotes principais e os escribas querían desfacerse de Xesús, pero buscaban a mellor maneira de facelo porque lle tiñan medo ó pobo. 3  Entón Satanás entrou en Xudas, o que se chamaba Iscariote, que era un dos Doce. 4  Xudas foi falar cos sacerdotes principais e cos capitáns da garda do templo sobre como traizoar a Xesús e entregárllelo. 5  Eles alegráronse moito e acordaron darlle cartos*​. 6  A el pareceulle ben, e empezou a buscar unha boa oportunidade para traizoar a Xesús cando non houbese unha multitude con el. 7  Entón chegou o día da Festa dos Pans Sen Fermento no que hai que ofrecer o sacrificio da Pascua. 8  Así que Xesús mandou a Pedro e a Xoán con estas instrucións: “Ide e preparade a cea da Pascua para que a comamos”. 9  Eles preguntáronlle: “Onde queres que a preparemos?”. 10  E el díxolles: “Cando entredes na cidade, irá onda vós un home cun recipiente de barro* para levar auga. Seguídeo e entrade na casa na que entre. 11  Despois dicídelle ó dono da casa: ‘O Mestre diche: “Onde está o cuarto de invitados para que coma a Pascua cos meus discípulos?”’. 12  E ese home ensinaravos na parte de arriba un cuarto grande e amoblado. Preparade a Pascua alí”. 13  Entón os dous discípulos marcharon e encontraron todo tal como el lles dixera. E prepararon todo para a Pascua. 14  Cando chegou a hora, Xesús sentouse* á mesa cos apóstolos. 15  E díxolles: “Cantas ganas tiña de comer con vós esta Pascua, antes de que empece o meu sufrimento! 16  Porque vos digo que xa non a volverei a comer ata que todo o relacionado con ela se cumpra no Reino de Deus”. 17  Despois de que lle desen unha copa, deu grazas a Deus e díxolles: “Collédea e pasádea entre vós, 18  porque vos digo que a partir de agora non volverei a beber do produto da vide ata que veña o Reino de Deus”. 19  Despois colleu un pan, deulle grazas a Deus, partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Isto representa o meu corpo, que será entregado para o voso beneficio. Seguide facendo isto en memoria de min”. 20  Despois de cear, tamén fixo o mesmo coa copa. Díxolles: “Esta copa representa o novo pacto, que chegará a ser válido grazas ó meu sangue que se vai derramar para o voso beneficio. 21  ”Pero, mirade! O que me vai traizoar* está comigo na mesa. 22  De feito, o Fillo do Home segue o seu camiño tal como se profetizou. Pero pobre do que o vai traizoar!”. 23  Entón os apóstolos empezaron a discutir uns cos outros sobre quen deles ía facer tal cousa. 24  Despois, tamén tiveron unha discusión moi forte entre eles sobre quen era o maior. 25  Pero el díxolles: “Os reis das nacións dominan o pobo, e ós que teñen autoridade sobre a xente chámaselles benfeitores*​. 26  Pero vós non debedes ser así. Máis ben, o maior entre vós ten que ser coma o máis novo, e o que dirixe, coma o que serve. 27  Porque, quen é maior? O que come* ou o que serve? Non é o que come? Pero eu estou no medio de vós coma o que serve. 28  ”Vós fostes os que estivestes ó meu lado durante as miñas probas. 29  E eu fago un pacto con vós para un reino, igual que meu Pai fixo un pacto comigo, 30  para que comades e bebades á miña mesa no meu Reino e vos sentedes en tronos para xulgar as 12 tribos de Israel. 31  ”Simón, Simón, Satanás pediu sacudirvos coma se fósedes trigo. 32  Pero eu supliquei que a túa fe non se debilite. E ti, cando volvas, fortalece os teus irmáns”. 33  Entón el díxolle: “Señor, estou listo para ir ó cárcere contigo e incluso para morrer contigo”. 34  Pero Xesús respondeulle: “Pedro, dígoche que hoxe non cantará o galo ata que negues tres veces que me coñeces”. 35  Tamén lles dixo: “Cando vos mandei sen unha bolsiña para os cartos nin unha bolsa con comida nin outro par de sandalias, faltouvos algo?”. E eles contestaron: “Non!”. 36  Entón díxolles: “Pero agora, o que teña unha bolsiña para os cartos ou unha bolsa con comida, que as leve. E o que non teña espada, que venda o seu manto e compre unha. 37  Porque vos digo que ten que cumprirse en min o que está escrito: ‘Considerárono un delincuente*​’. De feito, isto estase cumprindo en min”. 38  Entón eles dixéronlle: “Señor, mira! Aquí hai dúas espadas”. E el respondeulles: “Con iso chega”. 39  Ó marchar, Xesús foi para o Monte das Oliveiras, como tiña por costume, e os discípulos seguírono. 40  Cando chegaron, díxolles: “Non deixedes de orar para que non caiades na tentación”. 41  Entón el apartouse deles un pouco*​, púxose de xeonllos e empezou a orar 42  dicindo: “Pai, se queres, quítame esta copa*​. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa”. 43  Entón, aparecéuselle un anxo do ceo e fortaleceuno. 44  Aínda así, Xesús estaba tan angustiado que seguiu orando incluso con máis intensidade, e a súa suor volveuse coma gotas de sangue que caían ó chan. 45  Despois de orar, levantouse, foi onde estaban os discípulos e encontrounos durmidos, porque estaban moi cansados pola tristeza que sentían. 46  E díxolles: “Por que estades durmindo? Levantádevos e non deixedes de orar, para que non caiades na tentación”. 47  Mentres el aínda estaba falando, apareceu unha multitude. Un dos Doce, o que se chamaba Xudas, ía diante de todos e acercouse a Xesús para darlle un bico. 48  Pero Xesús díxolle: “Xudas, traizoas o Fillo do Home cun bico?”. 49  Cando os que estaban arredor de Xesús viron o que estaba a punto de pasar, preguntáronlle: “Señor, atacamos coa espada?”. 50  E un deles atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle a orella dereita. 51  Pero Xesús dixo: “Xa basta”. E tocoulle a orella ó escravo e curouno. 52  Entón Xesús díxolles ós sacerdotes principais, ós capitáns da garda do templo e ós anciáns que foran alí a buscalo: “Seica son un ladrón para que veñades con espadas e paus? 53  Estiven a diario con vós no templo e non me arrestastes. Pero esta é a vosa hora e a hora na que goberna a escuridade”. 54  Despois arrestárono e levárono á casa do sumo sacerdote. E Pedro seguíaos a certa distancia. 55  Algúns fixeron un lume no medio do patio e sentáronse xuntos, e Pedro sentouse con eles. 56  Entón unha criada que o viu sentado diante do lume mirouno fixamente e dixo: “Este home tamén andaba con el”. 57  Pero Pedro negouno e dixo: “Eu non o coñezo”. 58  Pouco despois, un home viuno e díxolle: “Ti tamén es un deles”. Pero Pedro contestoulle: “Non, home, non”. 59  Máis ou menos unha hora máis tarde, outro empezou a insistir: “Está claro que este home tamén andaba con el, porque é evidente que é galileo!”. 60  Pero Pedro díxolle: “Non sei de que me falas”. E xusto nese momento, mentres aínda estaba falando, cantou un galo. 61  Entón, o Señor xirouse, mirou a Pedro fixamente e Pedro acordouse do que lle dixera o Señor: “Hoxe, antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. 62  E saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente. 63  Os homes que se encargaban de vixiar a Xesús empezaron a burlarse del e a pegarlle. 64  Despois, tapáronlle a cara e empezaron a dicirlle: “Se es un profeta, dinos quen che pegou”. 65  E tamén dicían moitas máis blasfemias contra el. 66  Cando se fixo de día, reuniuse a asemblea dos anciáns do pobo, tanto os sacerdotes principais coma os escribas. Eles levaron a Xesús á sala do Sanedrín e dixéronlle: 67  “Dinos se es o Cristo”. E el respondeulles: “Aínda que volo dixese, nunca me iades crer. 68  Ademais, se eu vos preguntase algo, vós non me dariades unha resposta. 69  Pero de aquí en diante, o Fillo do Home estará sentado á dereita do Deus poderoso”. 70  E todos lle preguntaron: “Entón, es ti o Fillo de Deus?”. El contestoulles: “Si, vós mesmos estades dicindo que o son”. 71  E eles dixeron: “Para que necesitamos máis testemuñas? Nós mesmos llo escoitamos dicir”.

Notas ó pé

Ver glosario Festa dos Pans Sen Fermento.
Lit. “prata”.
Ou “cántaro”.
Ou “reclinouse”.
Ou “A man do que me vai traizoar”.
Título honorífico que se lles daba ás persoas que axudaban a outras.
Ou “O que se reclina á mesa”.
Lit. “Foi contado entre a xente sen lei”.
Ou “apartouse deles a un tiro de pedra”.
Ver Mt 20:22, nota.