As boas noticias segundo Marcos 14:1-72
-
Os sacerdotes conspiran para matar a Xesús (1, 2)
-
Unha muller bótalle aceite perfumado pola cabeza a Xesús (3-9)
-
Xudas traizoa a Xesús (10, 11)
-
A última Pascua (12-21)
-
Establécese a Cea do Señor (22-26)
-
Xesús predí que Pedro negará coñecelo (27-31)
-
Ora en Xetsemaní (32-42)
-
Arrestan a Xesús (43-52)
-
O Sanedrín xulga a Xesús (53-65)
-
Pedro nega coñecer a Xesús (66-72)
14 Faltaban dous días para a Pascua e a Festa dos Pans Sen Fermento*. Os sacerdotes principais e os escribas buscaban a maneira de entrampar a Xesús, e así poder arrestalo e matalo.
2 Pero dicían: “Durante a festa non, porque podería armarse un escándalo entre a xente”.
3 Mentres Xesús estaba en Betania, ceando* na casa de Simón o leproso, acercóuselle unha muller cun frasco feito de alabastro* cheo dun aceite perfumado moi caro, de nardo* puro. Despois de romper o frasco, empezou a botarllo pola cabeza a Xesús.
4 Cando viron isto, algúns indignáronse e dixéronse uns ós outros: “Por que se desperdiciou este aceite perfumado?
5 Podíase vender por máis de 300 denarios* e repartir os cartos entre os pobres!”. E eles enfadáronse moitísimo con ela*.
6 Pero Xesús dixo: “Deixádea tranquila. Por que queredes causarlle problemas? Ela fixo algo moi bo por min.
7 Porque sempre ides ter os pobres con vós e podédeslles axudar cando queirades, pero a min non me ides ter sempre.
8 Ela fixo o que puido. Anticipouse e botoume aceite perfumado polo corpo como preparación para o meu enterro.
9 Asegúrovos que en calquera lugar do mundo onde se prediquen as boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada”.
10 Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sacerdotes principais para traizoar a Xesús e entregárllelo.
11 Cando oíron o que dixo, alegráronse moito e prometeron darlle cartos*. Entón, empezou a buscar unha oportunidade para traizoalo.
12 O primeiro día da Festa dos Pans Sen Fermento, cando se ofrecía o sacrificio da Pascua, os seus discípulos preguntáronlle: “A onde queres que vaiamos para preparar todo para a cea da Pascua?”.
13 Entón el mandou dous dos seus discípulos e díxolles: “Ide á cidade. Alí irá onda vós un home cun recipiente de barro* para levar auga. Seguídeo
14 e, na casa na que entre, dicídelle ó dono: ‘O Mestre di: “Onde está o cuarto de invitados para que coma a Pascua cos meus discípulos?”’.
15 E el ensinaravos na parte de arriba un cuarto grande, amoblado e listo. Preparádea alí para nós”.
16 Entón os discípulos marcharon, entraron na cidade e encontraron todo tal como el lles dixera. E prepararon todo para a Pascua.
17 Despois de poñerse o sol, Xesús chegou alí cos Doce.
18 E mentres estaban comendo sentados* á mesa, Xesús díxolles: “Asegúrovos que un de vós me vai traizoar, un dos que estades comendo aquí comigo”.
19 Eles puxéronse moi tristes e fóronlle dicindo un detrás doutro: “Non serei eu, verdade?”.
20 E el respondeulles: “É un dos Doce, o que molla o pan comigo no prato.
21 O Fillo do Home vai marchar, tal como se escribiu sobre el. Pero pobre do que vai traizoar ó Fillo do Home! Éralle mellor non nacer”.
22 Mentres aínda estaban comendo, Xesús colleu un pan, fixo unha oración*, partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Tomade, isto representa o meu corpo”.
23 Tamén colleu unha copa e deulle grazas a Deus. Despois déullela ós seus discípulos e todos beberon dela.
24 E díxolles: “Isto representa o meu sangue, ‘o sangue do pacto’, que se vai derramar para que moitas persoas se beneficien.
25 Asegúrovos que non volverei a beber máis do produto da vide ata o día no que beba viño novo no Reino de Deus”.
26 Finalmente, despois de cantar para darlle gloria a Deus*, marcharon para o Monte das Oliveiras.
27 Entón Xesús díxolles: “Todos fallaredes*, porque está escrito: ‘Ferirei o pastor e as ovellas serán espalladas’.
28 Pero eu, despois de resucitar*, irei a Galilea antes ca vós e esperareivos alí”.
29 Pedro respondeulle: “Incluso se tódolos demais fallan*, eu non o farei”.
30 E Xesús contestoulle: “Asegúroche que hoxe, esta mesma noite, antes de que cante un galo dúas veces, negarás tres veces que me coñeces”.
31 Pero el seguiu insistindo: “Aínda que teña que morrer contigo, eu nunca negarei que te coñezo”. E tódolos demais empezaron a dicir o mesmo.
32 Despois, chegaron a un sitio chamado Xetsemaní, e el díxolles ós seus discípulos: “Quedade aquí sentados mentres eu oro”.
33 Xesús levou con el a Pedro, a Santiago e a Xoán, e empezou a sentirse profundamente triste e moi angustiado.
34 Díxolles: “Estou tan angustiado que sinto que morro. Quedade aquí e mantédevos despertos”.
35 Despois separouse un pouco deles, botouse ó chan e empezou a orar pedindo que, se era posible, non tivese que pasar por esa situación tan difícil.
36 E dixo: “Abba*, Pai, para ti tódalas cousas son posibles. Quítame esta copa*. Pero que non se faga o que eu quero, senón o que ti queres”.
37 Entón volveu onda eles, encontrounos durmidos e preguntoulle a Pedro: “Simón, estás durmindo? Non tiveches forzas para manterte desperto nin sequera unha hora?
38 Mantédevos despertos e orade constantemente para que non caiades na tentación. Claro, a intención é boa*, pero o corpo* é débil”.
39 Despois marchou outra vez a orar e pediu o mesmo que antes.
40 Entón volveu e encontrounos durmidos outra vez, porque caían co sono. E non sabían que dicirlle.
41 Xesús volveu onda eles por terceira vez e díxolles: “Como é que estades durmindo e descansando nun momento coma este? Xa está ben! Chegou a hora! Mirade, o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado en mans de pecadores.
42 Levantádevos, que imos marchar. O que me vai traizoar xa está cerca”.
43 E inmediatamente, mentres aínda estaba falando, chegou Xudas, un dos Doce. Con el viña unha multitude con espadas e paus, enviada polos sacerdotes principais, os escribas e os anciáns.
44 O traidor quedara en darlles este sinal: “A quen eu lle dea un bico, ese é. Arrestádeo, levádeo e asegurádevos de que non escape”.
45 Así que foi directamente cara a Xesús, acercóuselle e díxolle “Rabí!”, e deulle un bico cariñoso.
46 Entón, agarrárono e arrestárono.
47 Pero un dos que estaban alí sacou a súa espada, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle unha orella.
48 Entón Xesús díxolles: “Seica son un ladrón para que veñades a arrestarme con espadas e paus?
49 Estiven a diario con vós ensinando no templo e non me arrestastes. Pero isto pasou para que se cumpran as Escrituras”.
50 E todos o abandonaron e escaparon.
51 Pero un mozo que só levaba posta unha peza de roupa de liño de boa calidade empezou a seguilo de cerca. Intentaron collelo,
52 pero el deixou atrás a súa roupa e escapou espido*.
53 Entón levaron a Xesús diante do sumo sacerdote, e reuníronse tódolos sacerdotes principais, os anciáns e os escribas.
54 Pedro seguiuno de lonxe ata o patio da casa do sumo sacerdote e sentouse alí cos criados da casa, quentándose diante do lume.
55 Os sacerdotes principais e todo o Sanedrín buscaban algunha acusación contra Xesús para poder matalo, pero non encontraban ningunha.
56 De feito, moitos presentaban acusacións falsas contra el, pero as súas declaracións non coincidían.
57 Algúns tamén se puxeron de pé e presentaron esta acusación falsa contra el:
58 “Nós escoitámoslle dicir: ‘Eu botarei abaixo este templo feito por mans humanas e en tres días levantarei outro que non estará feito por mans humanas’”.
59 Pero nin sequera nisto coincidían as súas declaracións.
60 Entón o sumo sacerdote púxose de pé no medio deles e preguntoulle a Xesús: “Non tes nada que dicir? Non escoitas o que están declarando contra ti?”.
61 Pero el quedou calado e non contestou nada. O sumo sacerdote volveu a interrogalo e preguntoulle: “Es ti o Cristo, o Fillo do Bendito?”.
62 Xesús respondeulle: “Si, son eu. E veredes o Fillo do Home sentado á dereita do Poderoso* e vindo coas nubes do ceo”.
63 Ó escoitar iso, o sumo sacerdote rachou a roupa e dixo: “Para que necesitamos máis testemuñas?
64 Vós mesmos oístes a blasfemia. Cal é a vosa decisión?*”. E todos decidiron que merecía morrer.
65 Algúns puxéronse a cuspirlle, a taparlle a cara, a darlle golpes cos puños e a dicir: “Se es un profeta, dinos quen che pegou”. E despois, os gardas do tribunal pegáronlle na cara* e levárono.
66 Mentres Pedro estaba abaixo no patio, chegou unha das criadas do sumo sacerdote.
67 Cando viu a Pedro quentándose diante do lume, mirouno fixamente e díxolle: “Ti tamén andabas co Nazareno, ese Xesús”.
68 Pero el negouno e dixo: “Nin o coñezo nin entendo de que me falas”. E despois, foi para a entrada*.
69 A criada viuno e púxose a dicirlles outra vez ós que estaban alí: “Este é un deles”.
70 Pero el seguíao negando. Pouco despois, os que andaban por alí puxéronse a dicirlle outra vez a Pedro: “Está claro que es un deles, porque é evidente que es galileo”.
71 Pero el púxose a maldicirse a si mesmo* e xurou: “Que non coñezo ese home do que falades!”.
72 Nese momento, cantou un galo por segunda vez e Pedro acordouse do que Xesús lle dixera: “Antes de que cante un galo dúas veces, negarás tres veces que me coñeces”. Entón, veuse abaixo e rompeu a chorar.
Notas ó pé
^ Ou “reclinado á mesa”.
^ Ou “faláronlle con rabia”, “reprendérona”.
^ Lit. “prata”.
^ Ou “cántaro”.
^ Ou “reclinados”.
^ Ou “dixo unha bendición”.
^ Ou “cantar salmos”.
^ Ou “tropezaredes”.
^ Lit. “ser levantado”.
^ Ou “tropezan”.
^ Palabra hebrea ou aramea que significa “oh, pai!” e que transmite o cariño e a confianza da palabra galega papá.
^ Lit. “o espírito está disposto”.
^ Lit. “a carne”.
^ Ou “con pouca roupa”.
^ Lit. “poder”.
^ Ou “Vós que pensades?”.
^ Ou “déronlle labazadas”.
^ Ou “o vestíbulo”.
^ É dicir, pedir que lle pasase algo malo se non estaba dicindo a verdade.