As boas noticias segundo Mateo 3:1-17

  • Predicación de Xoán o Bautista (1-12)

  • O bautismo de Xesús (13-17)

3  Naqueles días, Xoán o Bautista empezou a predicar no deserto de Xudea. 2  Dicía: “Arrepentídevos, porque o Reino dos ceos xa está cerca”. 3  De feito, por medio do profeta Isaías, díxose del: “Óese a voz de alguén que berra no deserto: ‘Preparade o camiño de Xehová*​! Endereitade os camiños para el!’”. 4  Xoán ía vestido con roupa feita de pelo de camelo e levaba un cinto de coiro. Comía langostas* e mel silvestre. 5  A xente de Xerusalén, de toda Xudea e de toda a rexión que había arredor do río Xordán ía a velo. 6  Eles recoñecían publicamente os seus pecados e Xoán bautizábaos* no río. 7  Cando viu que viñan moitos fariseos e saduceos ó sitio no que el estaba bautizando, díxolles: “Crías de víboras, quen vos avisou para que escapedes do día da ira de Deus? 8  Primeiro producide froitos que demostren* que estades arrepentidos. 9  Non vos atrevades nin sequera a pensar ‘O noso pai é Abrahán’. Porque vos digo que Deus pode sacar fillos de Abrahán incluso destas pedras. 10  A machada* xa está ó pé das árbores, así que toda árbore que non dea bo froito vai ser cortada e botada ó lume. 11  Eu bautízovos con auga polo voso arrepentimento. Pero o que vén despois de min ten máis autoridade ca min e nin sequera merezo quitarlle as sandalias. El vaivos bautizar con espírito santo e con lume. 12  Ten na man a pa* de levantar o trigo e vai limpar por completo a súa eira*​. Xuntará o trigo no almacén, pero queimará a palla cun lume que non se pode apagar”. 13  Entón Xesús, que viña de Galilea, foi ó río Xordán para que Xoán o bautizase. 14  Pero Xoán intentou impedirllo dicíndolle: “Necesito que me bautices ti a min, e vés para que te bautice eu a ti?”. 15  Xesús respondeulle: “Non mo impidas, porque é así como temos que cumprir con todo o que é xusto”. Entón Xoán deixou de impedirllo. 16  En canto Xesús foi bautizado, saíu da auga. Nese momento, abríronse os ceos e el* viu que o espírito de Deus baixaba coma unha pomba e que viña sobre Xesús*​. 17  E entón, escoitouse unha voz que dixo desde os ceos: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación”.

Notas ó pé

Insecto parecido ó saltón. Ver glosario langosta.
Ou “demostrade con feitos”.
Ou “O machado”.
Instrumento agrícola que consiste nun mango que remata nunha lámina de madeira rectangular.
Ou “aira”.
Refírese posiblemente a Xoán.
Lit. “el”.