Ir ó contido

Ir ó índice

Prólogo

A BIBLIA escribiuse por inspiración de Deus en hebreo, arameo e grego. Para que persoas de “tódalas nacións” poidan beneficiarse da Palabra de Deus, é necesario que se traduza a moitos idiomas (Mateo 24:14). Os escritores cristiáns inspirados por Deus no primeiro século da nosa era escribiron en grego os 27 libros que van desde Mateo ata Apocalipse. Por iso se lles chaman “Escrituras Gregas Cristiás”.

A Tradución do Novo Mundo das Escrituras Gregas Cristiás publicouse por primeira vez en inglés no ano 1950. Esta tradución baséase principalmente no respectado texto grego de Westcott e Hort, que concorda cos manuscritos gregos máis antigos. A Tradución do Novo Mundo traduce o texto grego da maneira máis fiel posible. Esta versión en galego baséase na edición en inglés do 2013 e esfórzase por ser igual de exacta.

O incomparable nome de Deus, Xehová, aparece 237 veces no texto principal da Tradución do Novo Mundo das Escrituras Gregas Cristiás. Tendo en conta o importante que é que se santifique o nome de Deus e que todos necesitamos confiar no seu nome para salvarnos, esta tradución restaura o nome Xehová nos sitios que lle corresponden nas Santas Escrituras (Mateo 6:9; Romanos 10:13).

O nome Tradución do Novo Mundo baséase na promesa que Deus fai de que haberá un mundo novo no que haberá xustiza e que beneficiará a toda a humanidade (2 Pedro 3:13). Os tradutores desta versión senten un amor profundo polo Autor Divino das Santas Escrituras. Tamén senten que teñen a gran responsabilidade de transmitir os seus pensamentos e as súas palabras da maneira máis exacta posible. Oramos para que esta tradución lles sexa útil ós lectores sinceros que se esforzan por ter un “coñecemento exacto da verdade” (1 Timoteo 2:4).