LECCIÓN 6
Hai algunha esperanza para os que morreron?
1. Que esperanza hai para os mortos?
Cando Xesús chegou a Betania, unha vila preto de Xerusalén, un amigo seu chamado Lázaro morrera había catro días. Xesús foi á súa tumba con Marta e mais María, as irmás do defunto. De seguida xuntouse alí unha morea de xente. Podes imaxinar canta felicidade sentiron estas mulleres cando Xesús lle devolveu a vida ó seu irmán Lázaro? Le Xoán 11:21-24, 38-44.
Marta xa sabía da esperanza que as Escrituras dan para aqueles que morreron. Sabía que Xehová os resucitaría para que vivisen de novo na terra. Le Xob 14:14, 15.
2. En que estado se atopan os mortos?
Os humanos estamos feitos do po da terra (Xénese 2:7; 3:19). Non temos un espírito que viva dentro do noso corpo. Somos criaturas físicas, polo tanto ningunha parte de nós segue a vivir unha vez mortos. Cando morremos o noso cerebro morre con nós, xa non podemos pensar nin sentir. Os mortos están nun estado de inconsciencia, e por iso Lázaro non puido contar nada sobre o tempo no que estivo morto. Le Salmo 146:4; Eclesiastés 9:5, 6, 10.
Atormenta Deus os mortos no lume dun inferno? Non é posible, xa que a Biblia explica que os mortos están inconscientes. Polo tanto, a ensinanza de que hai un inferno non só é falsa, senón que difama a Deus: provoca que a xente o culpe por algo que El non fai. De feito, a simple idea de atormentar as persoas resúltalle detestable. Le Xeremías 7:31.
Ver o vídeo En que estado se atopan os mortos?
3. Poden os mortos comunicarse con nós?
As persoas mortas non poden oír nin falar (Salmo 115:17). Non obstante, existen anxos malvados que poden comunicarse coa xente finxindo ser persoas que xa morreron (2a Pedro 2:4). Xehová prohibe que tratemos de poñernos en contacto cos mortos. Le Deuteronomio 18:10, 11.
4. Quen poderá vivir de novo?
Hai millóns de persoas nas tumbas que volverán vivir de novo na terra. De feito, Xehová tamén vai resucitar a aqueles que sen chegar a coñecelo fixeron cousas malas. Le Salmo 37:29; Feitos 24:15.
Os resucitados poderán aprender a verdade acerca de Deus, ter fe en Xesús e demostrar a súa obediencia (Apocalipse 20:11-13). Aqueles que resuciten e así o fagan, terán a oportunidade de gozar para sempre da vida na terra. Le Xoán 5:28, 29.
5. Que nos di de Xehová a esperanza da resurrección?
Ó mandar o Seu fillo a dar a vida por todos nós, Deus fixo posible que haxa unha esperanza para aqueles que morreron. Polo tanto, a resurrección fálanos do amor de Xehová e da súa inmensa bondade. A quen che gustaría ver de novo cando os mortos volvan á vida? Le Xoán 3:16; Romanos 6:23.