Ir ó contido

Ir ó índice

SECCIÓN 5

Como levarse ben cos sogros?

Como levarse ben cos sogros?

“Revestídevos [...] de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia” (Colosenses 3:12)

Cando casas, formas unha nova familia. Aínda que seguirás querendo e respectando ós teus pais, a túa parella é agora a persoa máis importante do mundo para ti. Poida que a algúns da túa familia lles custe aceptar este feito. Pero os principios bíblicos pódenche axudar a atopar o equilibro para estar a ben cos teus familiares, ó mesmo tempo que te segues a preocupar da túa propia familia.

1 O PUNTO DE VISTA AXEITADO SOBRE OS SOGROS

QUE DI A BIBLIA? “Honra a teu pai e a túa nai” (Efesios 6:2). Sen importar a idade que teñas, sempre será necesario que honres e respectes ós teus pais. Pois pensa que a túa parella, como fillo ou filla que é, tamén ten que lles prestar atención ós seus. “O amor non ten envexa”, así que non tes por que ver como unha ameaza a relación do teu cónxuxe cos seus pais (1 Corintios 13:4; Gálatas 5:26).

QUE PODES FACER?

  • Evita dicir frases como ‘Os teus pais sempre me están menosprezando’ ou ‘Para a túa nai, todo o que fago está mal’.

  • Intenta ver o asunto desde o punto de vista da túa parella.

2 CANDO SER FIRME?

QUE DI A BIBLIA? “Deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo” (Xénese 2:24). Despois de casar, poida que os teus pais aínda pensen que teñen que coidar de ti, e quizais se metan no teu matrimonio algo máis do que deberían.

Ti e maila túa parella tedes que estar de acordo nos límites que lles ides fixar e, de forma agarimosa, explicárllelos. Podedes ser claros sen ser desagradables (Proverbios 15:1). Calidades como a humildade, a amabilidade e a paciencia axudarante a manter unha relación cariñosa cos teus sogros e a ‘aturarvos uns a outros con amor’ (Efesios 4:2).

QUE PODES FACER?

  • Se te preocupa canto se meten na túa vida os teus sogros, fala coa túa parella nun momento no que esteades tranquilos.

  • Chegade a un acordo sobre o xeito en que trataredes estes asuntos.