LECCIÓN 24
Como se financia a nosa obra mundial?
Tódolos anos, a nosa organización edita e distribúe de balde centos de millóns de Biblias e outras publicacións. Construímos e ocupámonos do mantemento das nosas sucursais e locais de reunión. Cubrimos os gastos de miles de misioneiros e voluntarios que traballan en Betel, e organizamos labores de socorro en zonas afectadas por desastres. Así que poida que te preguntes: “E logo, de onde sairán os cartos para todo iso?”.
Nin cobramos polos servizos relixiosos, nin facemos colectas. Aínda que a nosa predicación implica moitos gastos, non andamos a pedir cartos. Hai máis dun século, o segundo número da revista La Atalaya declaraba a nosa convicción de que é Xehová quen nos apoia e, polo tanto, “nin pediremos esmola, nin solicitaremos a axuda de ninguén”. E nunca fixemos tal (Mateo 10:8).
As nosas actividades custéanse con donativos voluntarios. Moita xente agradece a nosa labor de ensino da Biblia, e por iso fai donativos para apoiala. Nós mesmos damos de boa gana do noso tempo, enerxías, cartos e outros recursos para que se faga a vontade de Deus en toda a Terra (1o Crónicas 29:9). Nos locais onde facemos as nosas reunións e congresos hai caixas para donativos; así, quen o desexe, pode contribuír, e tamén se poden facer entrando na nosa páxina web, jw.org. Case todos estes donativos proveñen de xente humilde, como a viúva pobre da que Xesús falou tan ben por botar unha miseria no peto que había no templo (Lucas 21:1-4). Do mesmo xeito, cadaquén pode ir “xuntando na súa casa” para dar “segundo o que teña decidido no corazón” (1a Corintios 16:2; 2a Corintios 9:7).
Estamos convencidos de que Xehová vai seguir movendo os corazóns dos que queren apoiar a obra do Reino cos seus recursos materiais, para que se cumpra a Súa vontade (Proverbios 3:9).
-
En que nos diferenciamos doutras relixións?
-
Para que utilizamos os donativos que recibimos?