AXUDA PARA QUEN PERDEU UN SER QUERIDO
Axuda para quen perdeu un ser querido. Que podes facer para afrontar a dor
Se buscas información sobre como afrontar a morte dun ser querido, é moi probable que atopes miles de consellos. Uns seranche útiles e outros non. Probablemente sexa porque, como mencionamos antes, cada un afronta o loito de forma diferente. O que funciona para unha persoa poida que non funcione para outra.
Aínda así, hai algúns consellos básicos que demostraron ser útiles para moitas persoas. Os especialistas a miúdo fan referencia a estes consellos que, ademais, están en harmonía cos principios que contén a Biblia.
1 ACEPTA A AXUDA DA FAMILIA E DOS AMIGOS
-
Algúns expertos consideran que esta é unha das cousas máis importantes para afrontar a perda dun ser querido. Aínda así, poida que ás veces queiras estar só ou che moleste que alguén intente axudarche. Iso é normal.
-
Non te sintas obrigado a estar sempre rodeado doutras persoas. Pero tampouco te illes por completo. Despois de todo, poida que máis adiante necesites a súa axuda. Así que explícalles con cariño o que precisas nese momento e o que non.
-
Tendo en conta as túas necesidades busca un equilibrio entre pasar tempo só e estar con outras persoas.
O QUE DI A BIBLIA: “Mellor son dous ca un. […] Se caen, un pode axudar ó outro” (Eclesiastés 4:9, 10).
2 COIDA A TÚA ALIMENTACIÓN E FAI EXERCICIO
-
Unha dieta equilibrada axudarache a reducir a ansiedade que provoca a morte dun ser querido. Intenta comer froita e verduras variadas, e tamén proteínas baixas en graxa.
-
Bebe moita auga e outras bebidas saudables.
-
Se non tes moito apetito, come menos cantidade pero con máis frecuencia. Tamén podes pedirlle ó teu médico que che recomende algún suplemento alimenticio. a
-
Camiñar rápido e facer outros tipos de exercicio físico pode axudarche a reducir as emocións negativas. Estas actividades poden ser unha boa oportunidade tanto para pensar no ser querido que perdiches como para distraerte un pouco e deixar de pensar nel.
O QUE DI A BIBLIA: “Ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece” (Efesios 5:29).
3 DURME O SUFICIENTE
-
Sempre é importante que durmas ben. Pero aínda é máis importante cando perdiches un ser querido, porque pasar o loito pode producir máis fatiga do normal.
-
Ten coidado coa cantidade de alcohol ou cafeína que consumes, porque poderían impedir que durmas ben.
O QUE DI A BIBLIA: “É mellor un puñado de descanso que dous puñados de traballo duro e perseguir o vento” (Eclesiastés 4:6, TNM).
4 SÉ FLEXIBLE
-
Lembra que cada persoa é diferente, ó final es ti o que ten que decidir que é o que funciona no teu caso.
-
Moitas persoas descubriron que falar dos seus sentimentos lles axuda a sentirse mellor, mentres que outras persoas prefiren non facelo. Os expertos teñen diferentes opinións sobre se de verdade é de axuda expresar o que un sente. Se ves que necesitas falar dos teus sentimentos con alguén pero non te atreves, por que non empezas pouquiño a pouco falando cun bo amigo?
-
Algunhas persoas senten que chorar lles axuda a afrontar a súa dor, mentres que outras parece que non o necesitan tanto.
O QUE DI A BIBLIA: “Só o espírito sabe da propia amargura” (Proverbios 14:10).
5 EVITA HÁBITOS AUTODESTRUTIVOS
-
Hai quen intenta aliviar a súa dor tomando drogas, abusando do alcohol ou facendo un mal uso dos medicamentos. Pero estas “vías de escape” son autodestrutivas. Calquera alivio que poidas obter delas vai ser temporal e a longo prazo vai ter consecuencias moi negativas. Proba a calmar a túa ansiedade con métodos que non sexan prexudiciais.
O QUE DI A BIBLIA: “Limpémonos de toda inmundicia” (2 Corintios 7:1).
6 SÉ EQUILIBRADO Ó USAR O TEU TEMPO
-
A moitos axudoulles alternar momentos de tristeza con momentos para desconectar. É dicir, dedican tempo a reflexionar e convivir coas súas emocións, pero tamén fan actividades que lles axudan a evadirse por un tempo da súa dor.
-
Podes atopar algo de alivio facendo novos amigos, fortalecendo as amizades que xa tes, desenvolvendo novas habilidades ou distraéndote con algún pasatempo.
-
Pouco a pouco é posible que as túas prioridades vaian cambiando. Poida que te deas conta de que os períodos nos que te sentes ben son cada vez máis frecuentes e máis longos. Sentirse así é normal, forma parte do proceso de recuperación.
O QUE DI A BIBLIA: “Todo ten a súa hora, […] un tempo para chorar e un tempo para rir, un tempo para face-lo pranto e un tempo para bailar” (Eclesiastés 3:1, 4).
7 MANTÉN UNHA RUTINA
-
En canto poidas, volve ter unha rutina normal.
-
Seguir un horario definido para durmir, traballar e realizar outras actividades axudarache a sentir que recuperas a normalidade.
-
Manterte ocupado con actividades que te animen pode axudarche a aliviar a túa dor.
O QUE DI A BIBLIA: “Non se porá xa tanto a matinar nos días que vai vivir, pois dálle Deus ocupación coa ledicia interior” (Eclesiastés 5:19 [5:20, TNM]).
8 NON TE PRECIPITES A TOMAR DECISIÓNS IMPORTANTES
-
Moitas persoas que tomaron decisións importantes xusto despois de perder un ser querido acabaron arrepentíndose máis tarde.
-
Se é posible espera un tempo antes de mudarte, cambiar de traballo ou desfacerte das pertenzas da persoa que morreu.
O QUE DI A BIBLIA: “Os planos do dilixente dan boa renda, pero quen anda ás présas anda ás perdas” (Proverbios 21:5).
9 RECORDA A PERSOA QUE MORREU
-
Moitas persoas que perderon un ser querido déronse conta de que pode ser moi beneficioso facer cousas que manteñan vivo o recordo da persoa que morreu.
-
Gardar fotografías e recordos ou escribir un diario con momentos e anécdotas que che gustaría lembrar pode ser de moita axuda.
-
Conserva obxectos persoais que che traian bos recordos para miralos máis adiante, cando esteas preparado.
O QUE DI A BIBLIA: “Lémbrate dos días remotos” (Deuteronomio 32:7).
10 COLLE UNS DÍAS LIBRES
-
Pensa en coller unhas vacacións.
-
Se non podes coller unhas vacacións longas, intenta coller un ou dous días libres para facer algo que che guste, como sendeirismo, visitar un museo ou ir a algún lugar que aínda non coñezas.
-
Mesmo un pequeno cambio na túa rutina pode servirche de alivio.
O QUE DI A BIBLIA: “Vinde comigo. Imos ir a un lugar apartado nós sós para que descansedes un pouco” (Marcos 6:31).
11 AXUDA A OUTROS
-
Recorda que todo o tempo que pases axudando a outros tamén che pode axudar a ti a sentirte mellor.
-
Podes empezar por axudar a aqueles que tamén están tristes pola perda do teu ser querido, como amigos ou familiares que tamén necesiten compartir a súa dor.
-
Apoiar e consolar a outros pode axudarche a recuperar a túa alegría e a ver que a túa vida segue tendo sentido.
O QUE DI A BIBLIA: “Hai máis felicidade en dar que en recibir” (Feitos 20:35).
12 RECONSIDERA AS TÚAS PRIORIDADES
-
A morte dun ser querido pode axudarche a ver o que realmente importa na vida.
-
Aproveita a oportunidade para analizar como estás a usar a túa vida.
-
Segundo sexa necesario, fai cambios nas túas prioridades.
O QUE DI A BIBLIA: “‘Mellor é ir a un velorio que ir a unha casa en festa’. Alí se atopa un coa fin de todo home, e a quen aínda vive dálle en que matinar” (Eclesiastés 7:2).
Sendo realistas, nada vai facer que a túa dor desapareza por completo. Aínda así, moitas persoas que perderon un ser querido poden confirmar que facer cousas como as que se mencionan neste artigo, lles axudou a atopar consolo. Claro, esta lista non contén tódalas opcións posibles para aliviar a dor. Pero, se intentas poñer en práctica algúns destes consellos, seguro que pouco a pouco te irás sentindo mellor.
a Despertade! non recomenda ningún tratamento en particular.