TEMA DE PORTADA | MENTIRAS QUE NOS APARTAN DE DEUS
A mentira que torna cruel a Deus
O QUE MOITOS DIN
“As almas dos que morren en estado de pecado mortal descenden ós infernos inmediatamente despois da morte e alí sofren as penas do inferno, ‘o lume eterno’” (Catecismo de la Iglesia Católica). Algúns líderes relixiosos din que os que están no inferno están completamente separados de Deus.
O QUE DI A BIBLIA
“A persoa que peque, esa é a que morrerá” (Ezequiel 18:4; cursiva nosa). “Os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5). Por iso, se a persoa que morre xa non pode ver, escoitar nin sentir nada, como podería estar sufrindo o tormento do “lume eterno” ou a pena por estar separada de Deus?
Na Biblia, os termos hebreo e grego que se adoitan traducir como “inferno” en realidade refírense á sepultura. Por exemplo, nunha profecía sobre Xesús a Biblia di: “Non abandonara-la miña alma no sitio dos mortos” (Feitos 2:27). Ou como o traduce O Novo Testamento de Avelino Gómez Ledo: “nos infernos”. Pero está claro que Xesús non estivo nun lugar de tormento nin afastado de Deus, senón simplemente na tumba.
POR QUE É IMPORTANTE
Ver a Deus coma un ser cruel afástanos del. Rocío, que vive en México, conta: “De cativa ensináronme que existe o inferno. Tiña tanto medo de Deus que non podía nin imaxinar que tivese algunha boa calidade. Pensaba que estaba sempre enfadado e que era inxusto”.
Pero o que di a Biblia sobre Deus e o estado no que se atopan os mortos cambiou a súa forma de velo. Ela di: “Sentinme liberada, como se me quitasen un gran peso de enriba. Caín na conta de que Deus quere o mellor para nós, que nos ama e que eu tamén podo amalo. É coma un pai que colle os seus pequenos da man e quere o mellor para eles” (Isaías 41:13).
Moitas persoas serven a Deus porque lle teñen medo ó inferno. Pero Deus non quere que o sirvamos porque lle teñamos medo. Xesús dixo: “Amara-lo Señor, o teu Deus” (Marcos 12:29, 30; cursiva nosa). Se entendemos que Deus non comete inxustizas, será máis fácil confiar en que tamén será xusto cando execute a súa sentenza no futuro. Poderemos dicir plenamente convencidos o mesmo ca Elihú, o amigo de Xob: “Lonxe de Deus o ser culpable, lonxe do Omnipotente o obrar inxusto” (Xob 34:10).