A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
Non ía a ningún sitio sen a miña pistola
ANO DE NACEMENTO: 1958
PAÍS DE ORIXE: ITALIA
OUTROS DATOS: PERTENCÍA A UNHA BANDA VIOLENTA
O MEU PASADO.
Nacín e crieime nun barrio pobre ás aforas de Roma. A miña vida foi moi difícil. Non coñecín a miña nai e nunca tiven unha boa relación co meu pai. Medrei seguindo a lei da rúa.
Con 10 anos comecei a roubar, e ós 12 marchei da casa por primeira vez. Varias veces tivo que vir meu pai por min á comisaría. Pasaba todo o tempo discutindo coa xente, e tiña un carácter moi agresivo. Cando tiña 14 anos marchei da casa e xa non volvín. Vivía na rúa e consumía drogas. Como non tiña onde durmir, forzaba algún coche e durmía alí ata a mañanciña. Logo, buscaba unha fonte para lavarme un pouco.
Volvinme un ladrón experto. Roubaba de todo, dende bolsos na rúa ata casas ou pisos pola noite. A miña sona medrou tanto que me invitaron a formar parte dunha banda coñecida, e isto deume a oportunidade de “progresar”: comecei a roubar bancos. Como era tan agresivo, convertinme nun membro respectado da banda. Non ía a ningún sitio sen a miña pistola; de feito, durmía con ela debaixo da almofada. A violencia, as drogas, os roubos, as grosarías e a inmoralidade sexual convertéronse en parte de min. A policía sempre andaba a me pisar os talóns, e chegaron a arrestarme varias veces. Pasei anos entre a rúa e a cadea.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA.
Unha das veces que saín da cadea, fun onda unha tía miña. Eu non o sabía, pero ela e dous dos meus primos fixéranse testemuñas de Xehová. Invitáronme a unha das súas reunións, e fun só por curiosidade. Cando chegamos ó Salón do Reino, insistín en sentar preto da porta para ver quen entraba e saía. E, por suposto, a miña pistola viñera comigo.
Esa reunión cambioume a vida. Lembro pensar: “Teño que estar noutro planeta!”. Por todas partes vía xente sorrinte e amable. Inda hoxe teño moi gravada na miña mente aquela mirada auténtica e amable das testemuñas de Xehová. Todo iso estaba moi lonxe do que eu estaba afeito a vivir.
Decidín estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. Segundo avanzaba no curso, decateime de que tiña que cambiar totalmente o meu estilo de vida. Por exemplo, tomei a peito o que di Proverbios 13:20: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir”. Caín na conta de que tiña que me arredar da banda. Non foi nada fácil, pero conseguino coa axuda de Xehová.
Por primeira vez na miña vida sentín que controlaba o que facía
Tamén fixen outros cambios. Inda que me custou moito, deixei de fumar e de consumir drogas. Cortei a melena, saquei os pendentes e deixei de ser un malfalado. Por primeira vez na miña vida sentín que controlaba o que facía.
Nunca me gustou ler nin estudar, así que non me foi doado concentrarme ó estudar a Biblia. Pero, esforceime por facelo e, como resultado, empecei a querer moito a Xehová. Ademais, algo cambiou en min: sentín remordementos de conciencia. A miúdo, sentíame mal comigo mesmo e pensaba que Xehová nunca me perdoaría todo o mal que fixera. Pero entón lía o relato sobre o xeito no que Xehová lle perdoou ó rei David os graves pecados que cometera. Iso acougábame moito (2 Samuel 11:1–12:13).
Outro reto para min foi predicar polas portas (Mateo 28:19, 20). Arrepiábame a posibilidade de atoparme con alguén a quen lle fixera dano no pasado! De todos xeitos, pouco a pouco fun superando o medo. Comecei a desfrutar de falarlles ás persoas sobre o noso extraordinario Pai celestial, quen nos perdoa con xenerosidade.
OS BENEFICIOS.
Coñecer a Xehová salvoume a vida. Os máis dos meus antigos amigos están ou mortos ou presos. En cambio, eu son feliz agora e teño unha esperanza para o futuro. Aprendín a ser humilde e obediente, e a controlar o meu carácter explosivo. Grazas a isto, teño unha boa relación coa xente que está ó meu carón. Son feliz á beira da miña encantadora muller, Carmen. Gústanos moito axudarlles a outras persoas a coñecer mellor a Biblia.
Ah, por certo! Agora gáñome a vida dun xeito honrado. Sigo traballando en bancos de cando en vez, pero xa non os roubo, límpoos!