Ir ó contido

Ir ó índice

TEMA DE PORTADA | A BIBLIA. UNHA HISTORIA DE SUPERVIVENCIA

A Biblia sobrevive á deterioración

A Biblia sobrevive á deterioración

O ATAQUE. Os escritores e copistas da Biblia escribiron en papiro e pergamiño (2 Timoteo 4:13). a En que sentido puxeron en perigo a supervivencia da Biblia estes materiais?

O papiro vólvese crebadizo, descolórase e debilítase facilmente. Os exiptólogos Richard Parkinson e Stephen Quirke explican: “Co tempo, unha folla desgástase ata se converter nun esqueleto de fibras e un puñado de po. Mentres está gardado, un rolo pode cubrirse de mofo ou podrecer pola humidade, e cando está enterrado pode acabar devorado polos roedores e os insectos, especialmente polos térmites”. Algúns papiros estiveron expostos a demasiada luz ou humidade despois de ser descubertos, e iso acelerou a súa deterioración.

O pergamiño é máis resistente que o papiro, pero tamén se deteriora se non se manipula axeitadamente ou se se expón a temperaturas, humidade ou luz excesivas. b Tamén é atacado polos insectos. Por esa razón, a obra Everyday Writing in the Graeco-Roman East (A escritura cotiá no oriente grecorromano) di con relación ós rexistros antigos que “a supervivencia é a excepción, non a regra”. Se a Biblia sufrise esa deterioración, a súa mensaxe xa estaría perdida.

COMO SOBREVIVIU A BIBLIA. A Lei que se lles deu ós israelitas mandaba que tódolos reis de Israel escribisen “pra sí nun libro unha copia dista lei”, é dicir, dos cinco primeiros libros da Biblia (Deuteronomio 17:18, Sagra Biblia en Galego). Ademais, os copistas profesionais fixeron tantos manuscritos que para finais do século primeiro podían atoparse copias das Escrituras nas sinagogas de todo Israel e ata na afastada Macedonia (Lucas 4:16, 17; Feitos 17:11). Como sobreviviron ata o día de hoxe algúns daqueles antigos manuscritos?

Os manuscritos coñecidos como rolos do Mar Morto sobreviviron durante séculos en vasillas de barro almacenadas en covas nunha rexión árida.

O experto no Novo Testamento Philip Comfort comenta: “Sabíase que os xudeus gardaban os rolos das Escrituras en ánforas ou vasillas de barro a fin de conservalas”. E os cristiáns seguiron o mesmo costume. Esta é a razón pola que algúns manuscritos da Biblia se descubriron en vasillas de barro, en habitacións escuras, en covas e tamén en rexións moi secas.

O RESULTADO. Miles de fragmentos de manuscritos da Biblia, algúns de máis de dous mil anos de antigüidade, sobreviviron ata os nosos días. Ningún outro texto histórico ten tantos manuscritos tan antigos.

a O papiro é un material feito coa planta acuática do mesmo nome. O pergamiño está feito con peles de animais.

b Por exemplo, a acta orixinal da Declaración de Independencia dos Estados Unidos escribiuse sobre pergamiño. Pasaron menos de douscentos cincuenta anos e o texto foise borrando ata o punto de ser case ilexible.