PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Por que debería orar?
Segundo unha enquisa, case o 60% dos adolescentes en España din que non oran nunca. Por iso, poida que algúns rapaces se pregunten se a oración é só unha axuda psicolóxica, ou se é algo máis.
Que é a oración?
A oración é a forma que temos de comunicarnos co noso Creador. Pensa no que iso significa. Aínda que Xehová é moi superior ós humanos, el “non está lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:27). De feito, a Biblia contén esta invitación: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Santiago 4:8).
Como podes achegarte a Deus?
Unha maneira é orando. Así é como lle falas ti a Deus.
Outra maneira é estudando a Biblia. Así é como Deus che fala a ti.
Cando oras e estudas a Biblia, estás falando e escoitando a Xehová. Iso axudarache a conseguir unha amizade forte con Deus.
“Falar con Xehová, é dicir, comunicarse co Altísimo, é un dos maiores privilexios que un humano pode ter” (Jeremy).
“Contarlle a Xehová os meus sentimentos máis profundos mediante a oración fai que me sinta máis cerca del” (Miranda).
Escoitarame Deus?
Aínda que creas en Deus, e incluso lle ores, poida que che resulte difícil crer que de verdade te escoita. Pero a Biblia di que Xehová escoita as oracións (Salmo 65:3 [65:2, TNM]). E mesmo fai esta invitación: “Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pedro 5:7; cursiva nosa).
Pensa nisto. Sacas tempo a miúdo para falar cos teus mellores amigos? Podes facer o mesmo con Deus. Fálalle con regularidade e, cando o fagas, usa o seu nome: Xehová (Salmo 86:5-7; 88:10 [88:9, TNM]). De feito, a Biblia dinos: “Orade constantemente” (1 Tesalonicenses 5:17).
“A oración é unha conversa entre o meu Pai celestial e mais eu, na que lle abro por completo o meu corazón” (Moises).
“Cóntolle a Xehová as cousas máis profundas, igual que faría coa miña nai ou cos meus mellores amigos” (Karen).
Sobre que podo orar?
A Biblia di: “Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias” (Filipenses 4:6; cursiva nosa).
Significa iso que lle podes falar dos teus problemas? Por suposto! De feito, a Biblia di: “Bota a túa carga sobre Xehová, e el vaite soster” (Salmo 55:22, TNM).
Claro, cando lle ores a Deus, non só deberías falarlle dos teus problemas. Unha rapaza chamada Chantelle di: “Non sería unha boa amiga de Xehová se só lle oro para pedirlle cousas. Sinto que o máis importante debería ser darlle as grazas, e a lista de cousas polas que lle estou agradecida é moi grande”.
Pensa nisto. Por que cousas estás agradecido? Ocórrenseche tres cousas polas que darlle as grazas a Xehová hoxe?
“Incluso algo simple, como mirar unha fermosa flor, pode movernos a orarlle a Xehová para darlle as grazas” (Anita).
“Medita en algo que te impresione da creación ou nun versículo da Biblia que de verdade che toque o corazón. Despois agradécello a Xehová” (Brian).