A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
”Deixei de ser un home cruel”
Ano de nacemento: 1973
País de orixe: Uganda
Outros datos: Era violento, abusaba do alcohol e levaba unha vida inmoral
O MEU PASADO
Nacín en Gomba, un distrito de Uganda. Os máis daquela zona eran moi pobres. Na nosa cidade non había electricidade, así que de noite empregabamos candís.
Meus pais mudáranse de Ruanda a Uganda. Eran agricultores e cultivaban café e plátanos. Facían un licor moi popular cos plátanos, coñecido polo nome de waragi. Tamén criaban galiñas, cabras, porcos e vacas. A educación que recibín e a cultura na que medrei leváronme a crer que unha muller debe obedecer sempre ó seu home e nunca expresar a súa opinión.
Cando tiña 23 anos mudeime para Ruanda, onda ía a clubs de baile con outros da miña idade. Ía tanto a un deles, que os donos regaláronme un pase para poder entrar de balde. Tamén me gustaban as películas de loita e violencia explícita. O entorno no que me movía e o entretemento que escollía influíron tanto en min que me convertín nun borracho violento que levaba unha vida inmoral.
No ano 2000, comecei a vivir cunha rapaza chamada Skolastique Kabagwira e tivemos tres meniños. Eu esperaba que ela se axeonllase diante miña ó saudarme ou ó pedirme algo, porque iso era o que eu aprendera de novo. Estaba convencido de que tódalas cousas que tiñamos eran só miñas e que eu podía facer con elas canto me petase. Saía acotío pola noite e volvía sobre das tres da mañá. Era raro que non volvese borracho. En chegando petaba na porta, e se Skolastique tardaba en abrir pegáballe.
Daquela, eu traballaba de encargado nunha empresa de seguridade e gañaba ben. Skolastique tentaba que eu fose con ela á igrexa pentecostal, convencida de que iso me faría cambiar. Pero a min non me interesaba. O que si fixen foi comezar a verme cunha muller solteira. Ese meu comportamento cruel e inmoral fixo que Skolastique marchase vivir á de seus pais cos tres nenos.
Un bo amigo noso de moita experiencia falou comigo sobre que estaba a facer coa miña vida. Animoume a reconciliarme con Skolastique e díxome que os meus tres fermosos fillos non merecían medrar sen pai. Así que en 2005 deixei de beber, deixei a outra muller e volvín con Skolastique. Casamos en 2006. Pero non deixei de ser violento e cruel con ela.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
En 2008, unha testemuña de Xehová chamada Joël petou na nosa porta e escoitei a súa mensaxe. Visitoume con outra testemuña de Xehová, chamado Bonaventure, de xeito regular durante meses e debatemos moito sobre a Biblia. Fíxenlles moitas preguntas, sobre todo do libro da Apocalipse. A miña teima era demostrar que as testemuñas de Xehová estaban equivocadas. Por exemplo, pregunteilles por que ensinaban que o “mundo de xente” mencionado en Apocalipse 7:9 viviría na Terra se o mesmo versículo di que están “en pé diante do trono [de Deus] e do Año”, Xesucristo. Joël respondeu as miñas preguntas con moita paciencia. Por exemplo, ensinoume Isaías 66:1 onde Deus di que “a terra é o estrado” dos seus pés. Así que, o “mundo de xente” está en realidade en pé na Terra diante do trono de Deus. Tamén lin Salmo 37:29, onde di que os xustos habitarán para sempre na Terra.
Ó final aceptei comezar un curso da Biblia. Así que Bonaventure comezou a estudar con Skolastique e comigo. Canto máis aprendía da Biblia, máis motivado estaba para facer cambios na miña vida. Aprendín a tratar a miña muller con respecto. Xa non quería que se axeonllase diante miña cando me saudaba ou me pedía algo. Deixei de crer que todo o que tiñamos era só meu. Tamén deixei de ver películas violentas. Cambiar non che me foi nada fácil e cumpriume moito autocontrol e humildade.
Uns anos antes levara a Christian, o noso fillo máis vello, a Uganda para que vivise cuns parentes. Pero despois de ler Deuteronomio 6:4-7, decateime de que a miña muller mais eu somos responsables diante de Deus de coidar dos nosos fillos, e que iso inclúe ensinarlles o que di a Biblia. Que contentos nos puxemos tanto nós coma o rapaz ó traérmolo de volta á casa!
OS BENEFICIOS
Aprendín que Xehová é un Deus misericordioso, e estou convencido de que perdoou a miña actitude e comportamento do pasado. Que contento estou de que Skolastique se unise a min para estudarmos a Biblia! Dedicamos as nosas vidas a Xehová e bautizámonos xuntos o 4 de decembro de 2010. Agora confiamos un no outro e desfrutamos de que a nosa familia viva de acordo co que Deus ensina na Biblia. A miña muller está moi feliz de que agora eu volva á casa despois do traballo. Tamén está feliz porque agora a trato con amabilidade e respecto, porque decidín absterme do alcohol e porque deixei de ser un home cruel. En 2015, fun nomeado ancián para coidar dos irmáns na congregación. Tres dos nosos cinco fillos bautizáronse.
Cando comecei a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, non aceptei a cegas o que me ensinaron. Iso si, impresionoume que sempre empregasen a Biblia para responder as miñas preguntas. Skolastique e mais eu chegamos a entender que para servir a Deus hai que obedecer tódalas Súas normas e non só as que nos veñen ben. Estou tan agradecido de que Xehová se fixase en min e agora poder formar parte da Súa familia espiritual! Cando miro cara atrás ó que pasou comigo, estou convencido de que calquera persoa poderá cambiar a súa vida se conta coa axuda de Deus.