A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
“As rúas convertéronse no meu fogar”
Ano de nacemento: 1955
País de orixe: España
Outros datos: Consumía drogas, emborrachábase e era violento
O MEU PASADO
Algunhas persoas tardan moito tempo en aprender das malas experiencias que teñen na vida. Iso foi o que me pasou a min. Nacín e crecín en Barcelona, a segunda cidade máis grande de España. A miña familia vivía nunha zona que se chamaba Somorrostro. Era un barrio grande que había diante dunha praia e que tiña mala fama pola súa delincuencia e o tráfico de drogas.
Meus pais tiñan nove fillos, e eu era o maior. Como eramos moi pobres, meu pai mandoume a traballar como recolledor de pelotas nun club de tenis da cidade. Tan só tiña 10 anos, pero traballaba dez horas diarias. Por iso, a diferenza da maioría dos nenos da miña idade, eu non podía ir á escola. Cando tiña 14 anos, empecei a traballar nun taller de pezas de metal.
En 1975, chamáronme para facer o servizo militar, que daquela era obrigatorio en España. Como quería facer algo que lle dese emoción á miña vida, apunteime como voluntario para unirme á Lexión española en Melilla, un territorio español no norte de África. Foi nesa época cando me metín de cheo no sucio mundo das drogas e do alcohol.
Ó saír da Lexión, volvín a Barcelona e formei unha banda criminal. Roubabamos calquera cousa para despois vendela e así conseguir cartos para pagar as drogas. Empecei a tomar LSD e anfetaminas. Ademais, a miña vida empezou a xirar arredor do sexo, do alcohol e das apostas. Ese terrible estilo de vida fixo que me volvese cada vez máis violento. Sempre levaba enriba un coitelo, unha machada ou un machete, e non me daba medo usalos se facía falta.
Unha vez, a miña banda e mais eu roubamos un coche, así que a policía empezou a perseguirnos. Foi como unha película. Conducimos uns 30 quilómetros ata que a policía empezou a dispararnos. Ó final, tivemos un accidente e saímos correndo. Con razón, meu pai botoume da casa cando o soubo.
Durante os seguintes cinco anos, as rúas convertéronse no meu fogar. Durmía nos portais dos edificios, en camións, nos bancos dos parques e en cemiterios. Ata cheguei a vivir nunha cova durante un tempo. Ía sen rumbo na vida, e sentía que non importaba se estaba vivo ou morto. Recordo que me facía cortes no pulso e nos brazos cando estaba drogado. De feito, aínda hoxe teño esas cicatrices.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Cando tiña 28 anos, miña nai veume buscar e pediume que volvese á casa. Aceptei e prometinlle que ía cambiar de vida, pero tardei un tempo en cumprir esa promesa.
Unha tarde, dúas testemuñas de Xehová chamaron á nosa porta. Mentres as escoitaba, meu pai gritoume desde dentro que lles cerrase a porta nos narices. Pero como nunca me gustou que me desen ordes, non lle fixen caso. Ofrecéronme tres libros pequenos, e acepteinos encantado. Ademais, pregunteilles onde se reunían, e uns días máis tarde fun ó Salón do Reino.
O primeiro que me chamou a atención foi ver o ben vestidos que ían todos. Como eu tiña o pelo longo, a barba descoidada e roupa vella, decidín quedar fóra. Era evidente que non encaixaba. Entón, levei unha sorpresa moi grande cando vin a Juan, un dos que formaran parte da miña banda. Ía vestido cun traxe! Despois souben que levaba sendo testemuña de Xehová un ano. Velo alí deume a seguridade que necesitaba para entrar no Salón. Nese momento, a miña vida empezou a cambiar.
Aceptei un curso da Biblia e enseguida me dei conta de que, se quería ter a aprobación de Deus, tería que cambiar o meu carácter agresivo e a miña vida inmoral. Pero non foi nada fácil. Aprendín que, para agradarlle a Xehová, necesitaría transformar a miña vida e “renovar” a miña mente (Romanos 12:2). A misericordia de Deus conmoveume moito. A pesar de tódolos meus erros, sentía que me estaba dando a oportunidade de empezar de novo. O que aprendín sobre Xehová chegoume ó corazón. Comprendín que existe un Creador que se preocupa por min (1 Pedro 5:6, 7).
Iso foi o que me motivou a facer cambios. Por exemplo, cando tratamos o tema do tabaco durante o curso da Biblia, pensei: “Se Xehová quere que estea limpo e que non me contamine en ningún aspecto da miña vida, entón teño que desfacerme destes cigarros!” (2 Corintios 7:1). Así que os tirei todos no lixo!
Tamén tiña que deixar de consumir e vender drogas. Iso si que me levou máis tempo e esforzo. Para conseguilo, sabía que tiña que deixar de xuntarme cos meus antigos amigos. A súa influencia non me axudaba a progresar en sentido espiritual. Co tempo, empecei a confiar máis en Deus e nos novos amigos que fixera na congregación. Nunca sentira un amor e un interese coma os que eles me demostraron. Co paso dos meses, fun capaz de deixar definitivamente as drogas e púxenme “a nova personalidade”, o que me axudaría a ter a aprobación de Deus (Efesios 4:24, TNM). En agosto de 1985, bauticeime como testemuña de Xehová.
OS BENEFICIOS
A Biblia deume a oportunidade de mellorar a calidade da miña vida. Liberoume dun estilo de vida moi perigoso que estaba acabando co meu corpo e coa miña dignidade. De feito, máis de 30 dos meus antigos amigos morreron moi novos por culpa da sida e doutras enfermidades relacionadas coas drogas. Canto agradezo librarme desas consecuencias tan tráxicas por aplicar os principios da Biblia!
Os coitelos e as machadas que levaba cando era un home violento agora son cousas do pasado. Nunca imaxinei que un día os cambiaría pola Biblia para axudarlle á xente. Na actualidade, a miña muller e mais eu dedicamos gran parte do noso tempo a predicar.
Aínda que meus pais nunca se fixeron testemuñas de Xehová, si que recoñeceron canto me beneficiou estudar a Biblia. De feito, meu pai defendía as Testemuñas diante dos seus amigos. Para el era moi evidente que a miña nova relixión fixera que cambiase para mellor. E miña nai sempre dicía que oxalá empezase a estudar a Biblia antes. Canta razón tiña!
Todo o que vivín ensinoume que non ten ningún sentido buscar a felicidade nas drogas ou noutros vicios. Agora son realmente feliz porque lles axudo a outras persoas a coñecer a verdade da Palabra de Deus, a verdade que me salvou a vida.