“Hai sitio para as mulleres na construción”
A asociación de construtores Considerate Constructors Scheme a (CCS), de Gran Bretaña, felicitou as Testemuñas de Xehová pola formación que lle están a dar a mulleres no manexo de maquinaria pesada nas obras da nosa nova sucursal preto da cidade de Chelmsford, no condado de Essex. Esta asociación outorgoulles ás Testemuñas de Xehová unha puntuación de 10 sobre 10, e describiu o seu proxecto de formación como innovador. Por que recibiron as Testemuñas de Xehová unha valoración tan alta?
En Reino Unido, menos dun 13% dos traballadores da construción son mulleres. Segundo sinala unha enquisa elaborada por unha empresa británica, poucas mulleres novas consideran traballar na construción como unha opción laboral. Porén, arredor dun 40% do equipo de traballadores voluntarios de Chelmsford son mulleres. E a porcentaxe ascende ó 60% entre o equipo que manexa maquinaria pesada.
Cal é a explicación? A formación e o apoio xogan un papel importante. De feito, estes dous factores forman parte do código de boas prácticas da CCS. Este código recomenda darlle valía ó capital humano, “proporcionando un ambiente de traballo no que todos se sintan respectados, tratados xustamente, valorados e apoiados”, así como dando formación.
Formación para manexar maquinaria pesada
Jade, unha das mulleres que recibiu formación para manexar escavadoras e camións basculantes, comenta: “É abraiante! Nunca che pensei que podería facer algo así. Ás veces o traballo non é fácil, pero como recibo formación continua sempre estou aprendendo”. Lucy tamén manexa maquinaria pesada. Ela conta: “Cando cheguei á obra pensei que isto non era para min. Pero comecei a recibir formación dende o primeiro día. Dende aquela xa traballei con cinco equipos diferentes, así que levo recibido un lote de formación”.
As destrezas das mulleres van máis aló do manexo de maquinaria pesada. Eric, un dos xefes de equipo, conta: “A miúdo as mulleres coidan mellor da maquinaria cós homes, e son moi competentes á hora de detectar un mal funcionamento da máquina que levan e informalo”.
Apoio durante o desempeño do traballo
Carl, responsable de varios equipos, comenta: “Impresióname ver como aprenderon as mulleres a levar maquinaria pesada. A moitas delas escolleríaas como condutoras antes cá moitos homes con anos de experiencia”.
Cando os xefes de equipo apoian os seus compañeiros de traballo, infúndenlles confianza. Isto é así no caso de Teresa, que ten experiencia no manexo de maquinaria pesada e entende o que implica tomar decisións nas que está en xogo a seguridade dos operarios. Ela explica: “Cando noto que conto co apoio dos xefes de equipo, e que confían en min, podo facer mellor o meu traballo. Saber que os demais valoran e respectan a miña contribución a este proxecto fai que tódolos meus esforzos paguen a pena”.
Abigail, que tamén manexa maquinaria pesada, valora moito o apoio que recibe e a confianza que depositan nela. “Os homes da obra non me tratan coma se eu fose inferior. Están dispostos a axudarme pero non créndose que son máis ca min. Non se meten no meu traballo”, comenta.
Traballo preciso e ben feito
Ademais de manexar maquinaria pesada, as mulleres que traballan en Chelmsford recibiron formación en agrimensura, xestión do solo, reparación de maquinaria e instalación de andamios. Robert, quen traballou con mulleres en diferentes áreas do proxecto, di que “realizan o traballo con prontitude, interese, e atención ó detalle”. Tom, que traballa en agrimensura, engade: “As mulleres do meu equipo están máis ó tanto de todo. Queren que todo saia perfecto”.
Non sorprende que Fergus, xefe de equipo, se amose entusiasmado ó dicir: “Sen dúbida, hai sitio para as mulleres na construción!”.
a A asociación de construtores Considerate Constructors Scheme é unha organización independente adicada a mellorar a imaxe do sector da construción en Gran Bretaña.